Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A Xanela das Letras Galegas
Contos, relatos, poesia historias e outras puñetas.Queiras o non, poda que te metas nesta xanela.

10/12/2006 GMT 1

A Ruada

galizacontos @ 12:00

Para darlle corpo a esta festa rachada, ai vai este esconxuro da miña propia fornada, para preparar a clásica queimada.

Apértense tódalas meigas
de camiños e rodeiras
e tódolos fillos do Demo
que fuxan deses camiños
e aturuxen os veciños
erguendo a ollada o ceo.
Pata de conexo, pe de cangrexo.
Fío de arañas que pendura das entrañas.
Peidos de vellos ceibos con medo,
e aquí, baixo deste pendello,
que estas lapas da augardente
ergan o sorriso das xentes
famentas de lambetadas.
Que diante deste esconxuro
e despois da endorga chea,
veremos que se menea
para enfiar a madrugada,
co chourizo e a empanada
que brincan que é unha fada.
Despois do viño groleado
coa mestura da queimada,
veremos quen é a xente
que remata esta ruada.

Fora un esconxuro improvisado a medida do autor naquel intre da festa da castaña, que ergueran os risos das xentes o recitalo. Os alí presentes eran de diversas idades, os que algúns deles farían anacos de historia, xa que ían sendo retratados polo corresponsal do diario provincial para que todo aquilo quedara pendurado no tempo do papel impreso, que cada día era escrita e pasaría a formar parte do xa pasado en algunha das súas páxinas do evento a ter en conta. A noite fórase debullando entre carnes embutidos e castañas o pe dos grolos de viño do pais traído para ocasión. Despois de fartos a tope de todo o que alí había para meter a bandulla, xunto co magosto, cataríase aquela composta de licor de augardente con mesturas o xeito dos engadidos.
A noite fórase facendo neboenta con aquela saraibiñas miúdas que non acougaba, que a non ser pola carpa que lles protexía dela, remataría por mollar a tódolos presentes. O alcohol inxerido, fora agatuñando os miolos bébedos coa ansia de poñer o puntiño e facerse máis simpáticos se cabía os alí presentes. A ledicia revertía cunha simple ollada que se ceibara o redor e en calquera recuncho. A fogueira feita para facer o magosto, aproveitábase agora para escorrentar a friaxe que tamén se lle fora axudando co baile que amenizaban un dúo feito por unha parella pero que moi traballadora, os cales facían o seu cometido pero que bordado. A queimada, xunto coa música ceibada pola cativa orquestra, fora metendo as xentes en varas ata o punto que moi poucos quedaron alí quedos sen mover os seus esqueletos. Había de tódalas idades, xuventude e xente de media fornada, así que todos xuntos foran erguendo aquel festorro, ou valga a expresión de antiga ruada, ata ben entrada a madrugada. Pero cando aquelas lapas famentas de leña seca que o mesmo tempo alumeaban o entorno dándolle o seu aquilo de enxebre, aínda que máis ala onde non chegaban elas esa labor facíana unhas cantas farolóns postos nos redores, ía decaendo un chisco a festa posto que a algúns xa foran esfiando cada quen para os seus respectivos descansos, aínda que un grupo daqueles dos máis arroutados, sostiña con tesón o baile ata o remate para non deixar mal o grupo que tan ben o facía.

Entre aquel fato de xentes algunhas delas descoñecidas para outras, cada quen saía coa súa parolada, comentario ou conto moitas veces sen sentido. Os temas de conversa foran variados coma sempre. Pero algúns daqueles máis xoves que coa endorga a reverter de cousas innecesarias formara corpo a idea de querer rematar todo aquilo rumbo a outra parte, posto que aínda non tiñan dabondo, e parecíalles moi cedo o de marcharse a durmila. Total non eran máis que as dúas da madrugada, e a noite case estaba sen encetar, así que había que estalicala para seguir afogueirar nela. Así que algúns deles quedaron a varios quilómetros para seguir engadíndolle a endorga algo máis que terían que soster os corpos.

Tratando de despistar os controis de alcoholemia espallados polas estradas que a garda civil tiña a ben facer, marchaban por estradas locais ou pistas de terceiro orden, entre velocidades de vértigo, e lámpadas longas, trataban de achegarse o lugar convido. Entre estes está Sara, unha amante da velocidade, case estreando o seu coche de quilometro cero, que lle custara case un ollo da cara, facendo suplencias e traballos extras nas tempadas de verán. Ela vai co puntiño posto, pero controla como moitos saben facelo.
A noite segue con aquela tónica neboenta e a reverter de friaxe de tantas que percorren o mes de novembro, de xeito que para conducir e mester facelo con acougo debido o perigo existente, pero aínda con todo iso a rapariga pasa de todo aquilo do mal trazado da estrada local, posto que a ela todo iso da prudencia non a preocupa, deixábao para xente menos arriscada que non lle agradaba a velocidade.
O ritmo de rodada fora agatuñando no velocímetro ata poñerse alegre abondo como a súa pilota, máis ala dos cento corenta, que para ser por aqueles paraxes entre pinos que por veces rozaban os ramallos coa chapa, non estaba nada mal, lugar pouco axeitado para quedar parado sen civilización en varios quilómetros o redor. Ía tan mergullada falando polo seu teléfono móbil deses de nova xeración onde se poden mandar fotos e demais, que xunto coa música a tope, case non se decata que remata de inrumpir na estrada un vulto estraño que aterra sobre do capo como un canonazo na noite, que lle fai perder o control. De súpeto viuse arrastrando pinos, xestas, e demais estrumes autóctonas de monte que se lle ían poñendo diante do seu punto de condición restándolle a cero de visibilidade, para entrar na máis completa escuridade ata que remata parada contra unha ergueita e aposta figura dunha arbore. Alí queda chantada co cu a reverter de medo na noite pecha, sen luz ningunha que identifique a súa posición.
Estivo atoleirada perante uns intres, e cando quixo racionar para tratar de saír de todo aquilo, decatouse de que non podía facelo, as súas pernas estaban alí aganchadas polos ferros do que facía uns escasos minutos, era o seu flamante coche. E grazas por levar posto o cintón de seguridade, se non, agora de seguro que houbera deixado a súa masa do pensamento contra o cristal dianteiro, pois chegáballe case os beizos despois de estar amarrada con el. A medida que ían pasando os minutos, foise decatando de algo que lle estaba esvarar pola faciana mollándolle a súa pel, tiña que ser o seu sangue, ou o propio suor do medo. Alí soa as tantas da maña na máis completa escuridade, ninguén daría con ela, e aínda que os seus amigos decidiran buscala, se chegaran a aquela decisión, pois algunhas veces tiña ocorrido que se queda nun sitio e despois non se acude. Non o ían a ser doado para dar con ela o longo de aqueles paraxes desertos de tantas curvas e pouca visibilidade para poder atopala.
Naqueles intres comezada a recapacitar de algúns dos consellos que lle deran na casa aqueles que lle tiñan agarimo xunto cos bos amigos, cando ela o fronte lles discutía sobre a velocidade que era tan gaioleira, entre a que estaba a súa profe de autoescola, que lle aconsellaba:
_Cando queiras correr, non o fagas en calquera lugar, ponte nunha autoestrada, e non por calquera sitio sen control.
Non se decatara ata aqueles intres de que o perigo sempre anda ceibo, e que che pode saír de súpeto en calquera recuncho. ¿Pero que lle estaba pasando? Dende facía uns intres deixara de sentilas pernas. O medo comezou a anegarlle todo o seu corpo, pero un medo fondo como se fora saíndo das entrañas da terra atenazándoa de tal xeito, que aínda que quixera berrar había algo que non lle deixaba ceibar a fala. Daquela foi cando comezou a recoñecer que endexamais fixera caso a de ninguén, rexeitando todo o que chegara do máis carón dela. Ela sempre fora moi disposta, e non estaba pola labor de seguir normas escritas ou faladas, sempre lle agradara o desafío o descoñecido, en aquilo de baixar o acelerador, pero agora que o tiña o seu carón, comezaba a comprender moitas cousas que outros quixeran poñerlle o descuberto. Nestes intres, supoñendo de que alguén a atopase antes de que morrera alí de noxo, de seguro que tiña moitas posibilidades de quedar nunha cadeira de rodas, coma tantas outras xentes que pasaran pola súa situación, e polos mesmos motivos da ignorancia. A saber o grao de invalidez lle puidera quedar sendo unha carga para a súa familia. Para máis colmo, dous días despois tiña que presentarse naquel traballo que tanto loitara por conseguilo despois daquelas longas e fatigosas oposicións.
A choiva miúda comezara a bañar os cristais do que quedaba do coche quilometro cero, e coa súa saúde tamén case cero. Alí fora, o tempo semellaba case como se quixera chorar con ela a desgraza presente. O seu gozo metido nun pozo, alí agardaría o que Deus quixera facer con ela, pois, xa non cabía facer outra cousa máis que agardar e aceptar o destino.
De súpeto por se non abondaba co que tiña, uns ollos brillantes como prendidos por lume, ollárona fixamente a trabes dos cristais afundidos, debaixo deles uns dentes feros amosábanse desafiantes como facéndolle sentir o seu desacougo por inrumpir daquel xeito nos seus dominios. Daquela non puido máis, e perdeu por completo o coñecemento afundíndose non solpor frío como o da descifrada morte por algúns autores, que lle anegaba totalmente o senso sacándoa de aquel mundo material onde os escravos da vida chamados humanos, non eran capaces de cavilar con acougo, por iso en algúns dos casos tiñan que chegar a estas situacións por non aprender dos erros dos demais. Motivo polo que se perdía moito tempo en ter que experimentalo por eles mesmos, cando xa era demasiado tarde.
Así era o feito de que as estradas estiveran a reverter de mortos innecesarios e incompetentes desafiadores do descoñecido.
Naquel tempo irreal onde todo está ben e nada mal, xa que nada importaba. Un especie de bufón aparece de súpeto no plano astral dicíndolle:
_¿Agradábache a velocidade? ¡E moi gaioleira! ¿ verdade? como ti chegan aquí a feixes, ai unha morea de incompetentes os que lles dan unha vida para que aprendan, e os moi fatos tiran con ela estragándoa, ¡pois xa esta ben nena! o teu é moito, xa é a terceira vez que chegas polas mesmas os vintedous anos, deste xeito perderas moito tempo en completar o teu ciclo.
Non sabia o porque, pero dende aquel eido comprendía moitas cousas que antes non vía, era como se certamente pasara xa noutra por aquela situación, tal como dicía o bufón- cavilaba Sara.
_Pero non te preocupes, tes todo o tempo do mundo, ese que bos chamades, para facer o camiño.
Foi daquela, cando a súa infancia estaba a pasar por diante dos seus ollos como se tratase de unha película, índice dos seus andainas xa queimadas polos días, con algúns dos seus avós xa mortos nas horas compartidas da nenez, seguidos dos anos posteriores da adolescencia e xuventude do tempo presente ata aqueles intres, mentres que se sentía non compas de agarde como se lle faltara algo por facer, entre outro bulir de personaxes que ían e viñan de un lado para outro, mentres que un deles, achegóuselle, e díxolle:
_Non sexas fata e aprende dos erros que aínda estas por cometer, non fagas como tantos que chegan aquí cos deberes sen facer, e por suposto suspéndenos.
E nese preciso intre, comezou a esbarrar a gran velocidade por un furado sen fondo onde non semellaba parar xamais, e corría de tal xeito como se aquela suposta velocidade quixera arrancarlle a pel do peito con tódalas gañas, ela tentaba collela coas mans para poder conservala, pero non tiña mans dabondo para poder cubrir todo o seu corpo e víase case cos osos debullados por aquel fenómeno que impedía poder controlar tal situación. Foi tan forte aquela impresión que non podía aguantar máis, e abandonouse o destino que cada quen ten reservado, espertando de súpeto de aquel pesadelo que case a mata de infarto.

Daquela, ergueuse, e tocou todo o seu corpo como comprobando que non lle faltaba nada o seu redor, baixouse da cama e foi ollar pola fiestra ¡que alivio! non pasara nada, alí estaba o seu flamante coche brillando recatadamente cos albores do novo día, e os aturuxos dos galos anunciadores da nova alborada.
Tivera sorte, aquel sono ben puidera ser real, so con pensalo, poríaselle a pel de pita. O que xa tía moi claro eran aqueles mensaxes que fora colectando perante aquel tempo infernal. De alí en diante non debería asoballar o tempo con estúpidos desafíos o descoñecido, que so servían para ter a súa familia en constante tensión, sabendo como as gastaba ela na estrada. A partir de daquela, sabería moi ben o que tiña que facer coa resto da vida, sobre todo non tirala en calquera recuncho como fixeran xa moitos. As cousas boas había que ilas bebendo a groliños cativos, como moi a modiño para poder sacarlle o sabor axeitado.

Este tempo asoballado
de ideas quentes
que che baten no miolo
polas correntes
de tantos días baleiros
de tantas xentes.
Velaí-van nas súas caixas
camiño dos cimenterios
por non tentar clarexar
tantos misterios
que agachados na vida
semellan todo segredos
por non querer aprender,
eles case sempre
morren bébedos.

Botárase a durmir outro chisco máis, pois era domingo e tiña que descansar para o luns poder estar fresca no sen novo destino, e poder encetar con agrado aquel traballo, e tamén, como non, o resto da súa vida que aínda Deus tivera a ben de poder avisala para conservala, dándolle outra suposta oportunidade, aínda que fora un tanto virtual, si o suficiente para que todo aquel que tivera a ben entendela. Así que tomando quizais como outro misterio máis de tantos que nos depara o percorrer por este tempo noso que tamén é de todos os que respiramos. ¿Por que nos empeñábamos en complicar a vida?- pensaba agora Sara- se en verdade todo era a mar de sinxelo. Nestes intres comprendía que estamos a desafiar demasiado o destino poñéndolle mais bértigo se cabe, e non nos decatamos que por un quítame de ai esas pallas podemos mandar todo o carallo, xa que vida e como unha pompa de xabón voando no aire, demasiado fráxil para valorala tan pouco.

Pensamento: A ilusión foi moita mentres fun labrando neste acontecer, dun sinistro que ben puidera ser certo, despois de unha esmorga xuntada con alcohol, de tantos que acontecen polas estradas de calquera recuncho, que para sorte dela, so fora un pesadelo.

FIN

Comentarios

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis